Friday 03 de May de 2024

O Concello licita a nova rede de saneamento na avenida Salvador de Madariaga, no sector noroeste do Barrio das Flores


Está proxectado un novo colector de augas pluviais que, recollendo as precipitacións de auga, alivie a galería de saneamento que atravesa Alfonso Molina, desaugando na cámara de tranquilización na canle do río Mesoiro

O Concello da Coruña vén de licitar os traballos para construír a nova rede de saneamento no sector noroeste do Barrio das Flores, entre a parte baixa da rolda Camilo José Cela e a avenida Salvador de Madariaga, unha intervención ideada para osixenar, ampliar e renovar o circuíto de augas residuais e pluviais na contorna.

A rede de saneamento do barrio está estruturada entre dous colectores principais, de funcionamento unitario, nas caras noroeste e sureste da rolda Camilo José Cela, que recollen as augas correspondentes a cada unha das dúas vertentes nas que se divide o barrio, a partir da divisoria pola que transita o poliduto.

A este respecto, o Goberno municipal ten previsto actuar sobre a vertente noroeste, onde está proxectado un novo colector de augas pluviais que, recollendo as precipitacións de auga sobre unha superficie aproximada de 100.000 metros cadrados, alivie a galería de saneamento que atravesa a avenida de Alfonso Molina.

Dadas as alteracións de tráfico que implicará levar a cabo esta intervención, a formulación establecida polo servizo municipal de Infraestruturas é que aobra fique dividida en dúas fases.
A primeira, a que saíu xa a licitación, abrangue a execución da nova rede de saneamento separativa nun treito de case 165 metros que, desde a parte baixa da rolda Camilo José Cela, atravesa a mesma ata chegar á avenida Salvador de Madariaga, para cruzala posteriormente cara a cámara de tranquilización, localizada baixo o campo de fútbol Víctor Fernández Alonso.

O obxectivo do Goberno de Inés Rey é que, unha vez que se concrete esta primeira fase, continúe coa posta en marcha da segunda, que implicará a instalación da nova rede de saneamento separativa nun treito de 470 metros que, desde o sector superior da rolda Camilo José Cela, irá baixo o carril de subida da mesma ata chegar ao pozo onde está previsto iniciar a actuación previa, localizado a escasos metros do cruzamento con Salvador de Madariaga.